jueves, 4 de junio de 2026

AS LETRAS GALEGAS E OS MAIOS EN CENTIEIRAS

O 15 de maio celebramos no noso centro os Maios e o Día das Letras Galegas. Este ano as Letras Galegas dedicáronse a Begoña Caamaño, xornalista e escritora galega.Durante varias semanas estivemos traballando nos diferentes cursos actividades para afondar na súa vida e nas súas obras. Os alumnos realizar o debuxos sobre as portadas dos seus libros máis famosos, sobre o seu traballo na radio, realizaron actividades interactivas para afondar na súa vida e nas súas ideais... Por iso, neste 15 de maio o alumnado de 6º realizou unha lectura compartida sobre Begoña Caamaño, como homenaxe, xunto ao alumnado do centro, profesorado e familias.
Previamente á lectura compartida, as alumnas e os alumnos de Centieiras realizaron os maios por quendas, xunto co profesorado e familias. Gozamos deste tempo xuntos, colocando flores, verde, limóns e laranxas para ter como resultado final uns fermosos maios.Unha vez rematados, os maios foron levados á pista e alí, reunímonos todas e todos para compartir a dita lectura que nos fixo o alumnado de 6º de primaria sobre Begoña Caamaño.A continuación, familias e alumnado fixeron unha repichoca na que desfrutamos moito todos e todas bailando ao son da música. Non hai mellor forma de rematar a xornada que todas e todos xuntos bailando!

jueves, 12 de marzo de 2026

ENCONTRO CON MARÍA CANOSA

 

O alumnado de 3º e 4º de primaria estivo a ler recentemente os libros da autora María Canosa “Escola de bruxas” e “Muriel. Caos no laboratorio lácteo”.

Onte tivemos a sorte de recibir a visita de María Canosa na biblioteca do cole, onde os nenos e nenas puideron facerlle unha entrevista para coñecela, tanto a ela coma o seu traballo, e descubrir algúns segredos das súas historias.

Durante o encontro, tamén lle entregaron un agasallo moi especial: un libro de recensións e varios debuxos feitos por eles e elas. Finalmente, María asinou os exemplares dos seus libros, e fixo deste momento,  un fermoso recordo para todo o alumnado.



Queremos agradecerlle a María o seu cariño e proximidade, e todas as cousas interesantes que compartiu con nós, transmitindo o valor da lectura e do noso e alentando a seguir descubrindo o marabilloso mundo dos libros. Agardamos poder seguir compartindo con ela máis encontros. E que estea pendente, porque axiña terá novas dos rapaces e rapazas na súa caixa de correo 😉


lunes, 9 de marzo de 2026

8M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

 

Conmemoramos o 8 de marzo a través de varias propostas enxalzando o papel das mulleres na historia de Fene, especialmente durante a reconversión do estaleiro.

1. Lectura e dramatización.

O alumnado leu o conto “As mulleres que non se renderon” e, utilizando unha caixa con diferentes elementos, contou e dramatizou a historia. Unha forma lúdica de mergullarse nas vivencias das mulleres da época.

2. Expositor “Para mostra un botón”.

Realizamos un pequeno expositor onde cada nena e neno colocou un botón nunha maqueta dunha jacket, simbolizando o esforzo das mulleres por soster a sociedade fenesa nun momento tan difícil.

3. Reflexión persoal.

Para pechar a actividade, o alumnado reflexionou sobre as mulleres da súa vida, compartindo motivos e experiencias polas que se sinte agradecido, conectando a historia local coas súas vivencias persoais.

Un ano máis, grazas a toda a Comunidade Educativa pola participación e visibilidade da loita pola igualdade que sempre latexa en Centieiras.

lunes, 23 de febrero de 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 Hoxe, 23 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro achegándonos ata a praza do Concello para ler e recitar por cursos algúns dos seus poemas, homenaxeando así á súa figura e obra.

viernes, 30 de enero de 2026

LECTURAS COMPARTIDAS POLA PAZ

O 30 de xaneiro, con motivo da celebración do Día da Paz, os nosos nenos e nenas fixeron lecturas compartidas nos diferentes espazos do centro, organizados en pequenos grupos, compartindo historias e emocións a través dos libros que escolleron para o encontro. 


lunes, 22 de diciembre de 2025

NADAL 2025

Como cada ano no noso cole despedimos o trimestre e festexamos o Nadal coa colaboración e a participación de toda a comunidade educativa en varias actividades.

Para quentar motores, fixemos unha andaina San Silvestre toda a escola, engalanados e engalanadas cos mellores complementos de Nadal. Logo, despedimos o ano recreando as badaladas e cantando a panxoliña “Folerpas de paz”. A continuación recibimos a Papá Noel para pedirlle en persoa todos os bos desexos e agasallos, e por último, visitamos o mercadiño de Nadal que preparou e organizou o noso alumnado de 6º de Primaria para recadar fondos para a súa excursión de fin de curso.

MOITAS GRAZAS á ANPA, ás familias voluntarias e ao profesorado do centro pola implicación e o esforzo para facelo posible. Pasámolo xenial! Boas festas e feliz 2026!

lunes, 15 de diciembre de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

Chegan as vacacións de Nadal, un tempo ideal para gozar da lectura. Desde o centro propoñemos unha selección de lecturas recomendadas, pensadas para acompañar ao alumnado e familias durante estes días e seguir fomentando o gusto polos libros.

Animamos a todas as familias a compartir momentos de lectura, descubrir novas historias e facer da lectura unha parte especial das festas.

Bo Nadal e boas lecturas!


jueves, 4 de diciembre de 2025

3 DE DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

     
“A única discapacidade na vida é unha mala actitude Scott Hamilton (deportista de élite que superou un cancro).


A diversidade e a discapacidade (diversidade funcional) forman parte do mundo que temos arredor. No noso centro cremos que dar visibilidade, o respecto, a empatía e a asertividade son ferramentas clave que sempre debemos levar con nós para a inclusión das diferenzas na nosa sociedade.


Por iso, neste día, o alumnado de educación infantil e primeiro ciclo de primaria traballou nunha proposta achegada dende Polos Creativos sobre discapacidade visual; e os nenos e nenas de 3º a 6º de educación primaria participaron no obradoiro de baloncesto en cadeira de rodas co club deportivo inclusivo Basketmi Ferrol.

domingo, 30 de noviembre de 2025

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS

Arrincan as  Crónicas de Centieiras neste mes de novembro con moitas novas. Hoxe nolo conta o alumnado de 5º e de 1º de educación primaria.

Desfrutade do programa!!





miércoles, 26 de noviembre de 2025

25N: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O pasado 25 de novembro conmemoramos o DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

En Centieiras somos conscientes da necesidade de facer fincapé nun día tan importante, xa que as mulleres seguimos a sufrir esta violencia explícita ou implícita no noso día a día.Por este motivo, e seguindo os obxectivos marcados dentro do plan de igualdade do centro, o equipo de biblioteca xunto co equipo de EDNL e toda a comunidade educativa, participamos na realización de diversas actividades ao longo deste mesmo día pero preparadas durante os días previos á conmemoración.

Coma vimos facendo desde hai uns anos participamos nas actividades propostas pola FANPA, que este ano estaban dirixidas ao coñecemento dos MICROMACHISMOS.Proporcionáronnos un tríptico explicativo e un megáfono para poder expresar a nosa repulsa contra este tipo de violencia.

Desde o equipo de biblioteca seleccionamos diferentes curtas e vídeos nos que o alumnado podía ver exemplos claros de micromachismos para poder identificalos e intentar erradicalos, que foron traballados nas diferentes titorías; tamén realizamos diferentes carteis para expoñer algúns exemplos de micromachismos.


Para pechar esta xornada, tivemos unha nova edición de Lecturas Compartidas na que o alumnado lector seleccionou libros da nosa biblioteca relacionados coa temática do 25N e a igualdade de xénero.



martes, 4 de noviembre de 2025

SAMAÍN, MAGOSTO E DÍA DO PEÓN

 O pasado xoves 30 de outubro celebramos na escola unha tripla festa: o Samaín, o Magosto e o Día do Peón.
Ao longo da semana, o alumnado foi traendo as súas cabazas decoradas para crear unha exposición na entrada da escola. Ademais, entre toda a comunidade educativa fomos decorando o colexio durante os días previos. Quedou do máis terrorífico!

O xoves pola mañá chegamos todas e todos cos nosos disfraces á escola. Había de todo: momias, esqueletos, bruxas, vampiros, lobishomes… ata gatos negros! Comezamos a xornada con actividades diversas nas aulas: desfiles para lucir os disfraces, bailes, obradoiros de Samaín e outono…
A continuación, chegou o momento das “Lecturas compartidas”: o alumnado de 5º e 6ºde EP leu os demais nenos e nenas da escola contos relacionados co Samaín en lingua galega. Despois, desfrutamos dunha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA. As familias tamén estaban convidadas e acompañáronos durante a festa. Cos bandullos cheos, chegou a hora de bailar os peóns. Que ben se lles dá a algunhas e algúns!

Por último, algúns familiares e alumnado agasalláronnos cunha repichoca na que tocaron varios temas musicais tradicionais galegos e animaron a festa. Foi xenial! Moitas grazas por animarnos sempre coa vosa música!

Tamén tocaron unha canción dedicada á nosa mestra Ana, que ese día se despediu da escola. Feliz xubilación, Ana, botarémoste de menos!

Foi unha xornada moi divertida na que compartimos, risas, xogos, castañas, chocolate e música galega para conmemorar algunhas das máis importantes tradicións da nosa terra. Que máis se pode pedir?!

Só nos queda agradecer a colaboración e o esforzo de todas as persoas que o fan posible: ANPA, familias voluntarias e  profesorado do centro. Sen a vosa axuda non sería posible, así que GRAZAS!


lunes, 3 de noviembre de 2025

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para celebrar que novembro é o mes da ciencia en galego, e en liña co noso PDI “Paseando por Fene”, propoñemos na nosa biblioteca varias actividades nas que os nosos nenos e nenas aplicaron e compartiron coñecementos científicos: roteiro por Fene co panel de robótica, visitas virtuais coas gafas VR, obradoiro de chapas e proposta de investigación sobre a flotabilidade.