viernes, 15 de marzo de 2024

ENCONTRO CON LOIS PÉREZ

O alumnado de 5º e 6º de primaria tivo un encontro co escritor Lois Pérez para falar sobre o seu libro A Gruta da Torre, que lemos nas aulas este trimestre.

A Gruta da Torre cóntanos a historia dun rapaz chamado Lois, que vai coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no seu interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990.




Desfrutamos moito coa lectura do libro na clase, comentando o que lles ía acontecendo aos personaxes e imaxinando que pasaría a continuación. O libro fixo voar a nosa imaxinación, fíxonos rir ás gargalladas e, ás veces, emocionarnos bastante, e o encontro co seu autor non ía ser menos. Desfrutamos moito falando con Lois sobre o seu libro, preguntándolle por fin esas inquedanzas e dúbidas que ía aparecendo ao longo destas semanas, segundo avanzabamos na lectura, e escoitando as historias tan graciosas e curiosas que nos contou. Ata descubrimos que foi profe de Centieiras hai anos!



Moitas grazas, Lois, por animarnos a seguir gozando da lectura!


lunes, 11 de marzo de 2024

DÍA DA MULLER

O día 8 de marzo alumnado de Centieiras estivo traballando nos obradoiros propostos para cada curso.

Unha vez máis, quixemos reivindicar que segue sen haber unha igualdade real entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar e no coidado das fillas e fillos, actividades que continúan a estar principalmente en mans das mulleres. O mesmo acontece coa porcentaxe de homes e mulleres en postos de responsabilidade e toma de decisións, que seguen estando maioritariamente en mans de homes.

Para facer fincapé na necesidade de seguir avanzando cara á ansiada igualdade, quixemos facer partícipes ás nosas alumnas e alumnos na realización de tarefas do fogar tales coma varrer e fregar o chan, coser, limpar os cristais e lavar, tender e dobrar a roupa. 

Aquí deixamos unha pequena mostra.


lunes, 4 de marzo de 2024

OBRADOIROS DE EDUCACIÓN SEXUAL

A semana pasada o alumnado de primaria tivo a sorte de contar con obradoiros de educación sexual chamados "De bo rollo!: Educación sexual para aprender a querernos ben", que aborda as verdadeiras inquedanzas daos nenos e das nenas, con enfoque sexolóxico, entendendo que para construir unha casa non podemos comezar polo tellado.



Foi un obradoiro moi interesante e ameno, útil e necesario, pois non hai maior protección que ensinar a rapazada a pensar, a quererse ben, a querer ben, a repectarse e a respectar.