jueves, 23 de marzo de 2023

DÍA DA POESÍA: POEMAS DE CORDEL

O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía, fixémolo enchendo Fene de versos que penduramos a modo de prendas de roupa en diferentes tendais que estaban previamente xa colocados na Avenida Tarrio, na Praza do Concello e na Praza Verde.


Para ter todo listo para ese día, nos días anteriores, estivemos lendo diferentes fragmentos de poemas, traballando a rima… e como este ano o noso proxecto de centro está relacionado co xogo cada nivel inventou ou copiou un poema con dita temática.

Xa o propio día 21 ás 9 da mañá dirixímonos aos diferentes lugares para colocalos e que todas as persoas de Fene puideran gozar das nosas creacións ao longo do día.  





jueves, 16 de marzo de 2023

CONTOS DE BOCA "O PAPÓN"

O pasado luns, 13 de marzo, veu á aula de 3º EP Ignacio, o pai de Enzo, contarnos o conto "O Papón".

A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e…  Se queredes saber como remata o conto invitámosvos a lelo, só vos dicimos que non podedes imaxinar o final, adiantámosvos que ás veces a forza non é imprescindible para solventar os problemas.

Grazas Ignacio pola visita, agardamos que poidas volvar outro día, gustounos moito o conto!!!






SEMANA DA PRENSA: A NOTICIA

 A semana pasada foi a Semana da Prensa e desde a aula de 2º aproveitamos para ver modelos de novas e partindo dos mesmos, elaboramos un organizador gráfico que recollera todas as partes que teñen (texto, autora ou autor, titular, fotografía...). -Unha vez feito, non podía ser de outro xeito, tivemos que repasalo con bolígrafos de purpurina-.

É verdade que ao longo deste curso e do pasado empregamos xa en moitas ocasións os organizadores gráficos, sobre todo mapas mentais, para representar aspectos dunha temática determinada polo que realizalo foi relativamente sinxelo.

Para rematar, como non, fixemos a nosa propia nova, sempre tendo en conta todos as aspectos recollidos no noso organizador. Decidimos facela sobre algo que acontecera o día anterior no cole: a celebración do 8M.



miércoles, 1 de marzo de 2023

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

O pasado 28 de febreiro veu ao cole Andrea Maceiras autora do libro "Alma de elefante" que limos o alumnado de 3º e 4º EP.

Antes de comezar  fixémoslle entrega dun pequeno agasallo preparado por todos nós: un elefante de "feltro" e un libro cun pequeno texto e debuxos feitos por nós sobre o libro.

Logo pasou a explicarnos as "orixes" do libro cunha presentación dinámica: a historia naceu a partir dunha viaxe que ela fixo por Asia e está dedicada ao neno ou á nena que perdeu un debuxo e que ela atopou preto de Banteay Srei (templo de Angkor, en Camboia). Cando o visitou había un grupo de nenos e nenas correndo polos arredores, alí foi onde atopou unha pequena folla cun debuxo no que aparecía a imaxe do que ela estaba a ver dende o mirador.

Despois da explicación pediunos que pecharamos os ollos, que  nos relaxaramos e nos viramos sendo auga, terra, aire ou pedra... Unha vez relaxados, leunos con voz mainiña un relato da velliña Champey no que nos pedía que imaxinaramos de que animal tiñamos a nosa alma, coma Suy que tiña alma de bolboreta e Lawen que tiña alma de elefante.

Conseguiu a nosa relaxación e, pouco a pouco, cada un de nós foi dicindo de que animal era a nosa alma: peixe laranxa, puma, serpe...non vos podedes imaxinar a cantidade de animais nos que se converteran as nosas almas!!!

Respondeu de bo grado todas as preguntas que lle fixemos e escoitou moi atenta as interpretacións que iamos facendo sobre quen pensabamos que eran Suy e Lawen partindo do debuxo da cuberta do libro.

Para rematar  asinou os nosos libros facéndoos únicos co noso nome e o da alma do animal que cada un de nós imaxinou.

Sóubonos a pouco o tempo que estivemos con ela.

Grazas Andrea Maceiras por compartir con nós un anaquiño do teu tempo.