O pasado xoves 30 de outubro celebramos na escola unha tripla festa: o
Samaín, o Magosto e o Día do Peón.
Ao longo da semana, o alumnado foi
traendo as súas cabazas decoradas para crear unha exposición na entrada da
escola. Ademais, entre toda a comunidade educativa fomos decorando o colexio
durante os días previos. Quedou do máis terrorífico!
O xoves pola mañá chegamos todas e todos cos nosos disfraces á escola.
Había de todo: momias, esqueletos, bruxas, vampiros, lobishomes… ata gatos
negros! Comezamos a xornada con actividades diversas nas aulas: desfiles para
lucir os disfraces, bailes, obradoiros de Samaín e outono… A continuación,
chegou o momento das “Lecturas compartidas”: o alumnado de 5º e 6ºde EP leu os
demais nenos e nenas da escola contos relacionados co Samaín en lingua galega.
Despois, desfrutamos dunha degustación de castañas asadas e chocolate quente
grazas á ANPA. As familias tamén estaban convidadas e acompañáronos durante a
festa. Cos bandullos cheos, chegou a hora de bailar os peóns. Que ben se lles
dá a algunhas e algúns!
Por último, algúns familiares e alumnado agasalláronnos cunha repichoca na
que tocaron varios temas musicais tradicionais galegos e animaron a festa. Foi
xenial! Moitas grazas por animarnos sempre coa vosa música!
Tamén tocaron
unha canción dedicada á nosa mestra Ana, que ese día se despediu da escola.
Feliz xubilación, Ana, botarémoste de menos!
Foi unha xornada
moi divertida na que compartimos, risas, xogos, castañas, chocolate e música
galega para conmemorar algunhas das máis importantes tradicións da nosa terra.
Que máis se pode pedir?!
Só nos queda agradecer
a colaboración e o esforzo de todas as persoas que o fan posible: ANPA,
familias voluntarias e profesorado do centro. Sen a vosa axuda non sería
posible, así que GRAZAS!

No hay comentarios:
Publicar un comentario