martes, 4 de noviembre de 2025

SAMAÍN, MAGOSTO E DÍA DO PEÓN

 O pasado xoves 30 de outubro celebramos na escola unha tripla festa: o Samaín, o Magosto e o Día do Peón.
Ao longo da semana, o alumnado foi traendo as súas cabazas decoradas para crear unha exposición na entrada da escola. Ademais, entre toda a comunidade educativa fomos decorando o colexio durante os días previos. Quedou do máis terrorífico!

O xoves pola mañá chegamos todas e todos cos nosos disfraces á escola. Había de todo: momias, esqueletos, bruxas, vampiros, lobishomes… ata gatos negros! Comezamos a xornada con actividades diversas nas aulas: desfiles para lucir os disfraces, bailes, obradoiros de Samaín e outono…
A continuación, chegou o momento das “Lecturas compartidas”: o alumnado de 5º e 6ºde EP leu os demais nenos e nenas da escola contos relacionados co Samaín en lingua galega. Despois, desfrutamos dunha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA. As familias tamén estaban convidadas e acompañáronos durante a festa. Cos bandullos cheos, chegou a hora de bailar os peóns. Que ben se lles dá a algunhas e algúns!

Por último, algúns familiares e alumnado agasalláronnos cunha repichoca na que tocaron varios temas musicais tradicionais galegos e animaron a festa. Foi xenial! Moitas grazas por animarnos sempre coa vosa música!

Tamén tocaron unha canción dedicada á nosa mestra Ana, que ese día se despediu da escola. Feliz xubilación, Ana, botarémoste de menos!

Foi unha xornada moi divertida na que compartimos, risas, xogos, castañas, chocolate e música galega para conmemorar algunhas das máis importantes tradicións da nosa terra. Que máis se pode pedir?!

Só nos queda agradecer a colaboración e o esforzo de todas as persoas que o fan posible: ANPA, familias voluntarias e  profesorado do centro. Sen a vosa axuda non sería posible, así que GRAZAS!


lunes, 3 de noviembre de 2025

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Para celebrar que novembro é o mes da ciencia en galego, e en liña co noso PDI “Paseando por Fene”, propoñemos na nosa biblioteca varias actividades nas que os nosos nenos e nenas aplicaron e compartiron coñecementos científicos: roteiro por Fene co panel de robótica, visitas virtuais coas gafas VR, obradoiro de chapas e proposta de investigación sobre a flotabilidade.

martes, 28 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

  Celebramos o Día das Bibliotecas por todo o alto no noso cole! 

As mochilas viaxeiras comezaron a súa nova andaina, cargadas de contos, aventuras e soños que viaxarán ao longo do curso de casa en casa para seguir espallando o gusto pola lectura.
Ademais, puxemos en marcha unha iniciativa solidaria moi bonita "Troca un libro por un alimento". Cada familia podía traer un elemento non perecedoiro e levar, a cambio, un libro.
Grazas a esta proposta, conseguimos unha ducia de caixas con produtos que xa foron recollidos polo Banco de Alimentos Rías Altas. 
Foi un éxito total, cheo de ilusión, xenerosidade e ganas de compartir.
Mil grazas ás familias pola vosa colaboración e por facer da lectura e da solidariedade unha mestura perfecta ❤


jueves, 23 de octubre de 2025

VISITA A NAVANTIA FENE

 


O pasado venres 17 de outubro, todo o alumnado e profesorado do CEIP Centieiras realizamos unha saída moi especial: visitamos as instalacións de Navantia Fene, unha das empresas máis importantes e emblemáticas do noso concello.

Esta visita foi moito máis ca unha excursión: marcou o inicio do noso Proxecto Documental Integrado “Paseando por Fene”, co que queremos descubrir, aprender e poñer en valor o noso entorno máis próximo. E non poderiamos comezar mellor ca en Navantia, unha empresa coa que Fene se identifica e da que nos sentimos moi orgullosas e orgullosos.

A xornada comezou cunha presentación informativa, na que o persoal de Navantia nos explicou o funcionamento dos distintos departamentos, os proxectos en marcha e, especialmente, o proceso de construción das “jackets”, unhas enormes estruturas destinadas á instalación de parques eólicos mariños.

Despois, subimos a un autobús que nos levou por todo o recinto, e así puidemos coñecer de primeira man o tamaño, a complexidade e a historia deste espazo industrial tan significativo para Fene. Durante a visita ás instalacións de Navantia, o alumnado quedou especialmente impresionado coas dimensións xigantescas do guindastre do pórtico. Ao situarse ao seu carón, o contraste resultaba abraiador: as súas proporcións facían que as rapazas e rapaces se sentisen minúsculos, como formiguiñas nun espazo pensado para traballos de enorme envergadura. Este impacto visual axudoulles a tomar conciencia da magnitude do traballo que se realiza en Navantia e da complexidade da construción.

Tamén visitamos o museo da empresa, onde aprendemos máis sobre a súa traxectoria e a importancia que tivo na vida económica e social da comarca.

Moito do alumnado alí presente quedou tan fascinado que saíu da experiencia con ganas de formar parte deste mundo de Navantia e, no futuro, traballar nesta empresa como o fixeron os seus familiares.

Grazas ao departamento de visitas e eventos de Navantia Fene pola súa atención, amabilidade e pola excelente preparación e organización da visita.

jueves, 2 de octubre de 2025

ESCOLLA DO NOME DO NOSO PDI

 
Como cada ano, no noso centro levamos a cabo un PDI que parte dende a biblioteca. Este curso leva como tema principal Fene para achegar e coñecer máis en profundidade a nosa contorna. Despois de facer chuvias de ideas e indagar sobre os coñecementos do noso alumnado ao respecto, pedímoslle a súa colaboración para atopar un nome ocorrente e orixinal para este proxecto, vivenciando unha votación para escoller entre tod@s o mellor

.

viernes, 13 de junio de 2025

miércoles, 11 de junio de 2025

CONTOS DE BOCA NO MES DO LIBRO

Esta semana, con motivo da conmemoración do Día do Libro, recibimos a visita dalgunhas familias para compartir con nós un espazo para a lectura e o desfrute dos libros. Neste caso acompañáronnos Lucía, Salva e Diego con tres contos marabillosos: Tengo un volcán, La ovejita que vino a cenar e O libro das sete cores.

Grazas infinitas por vir e compartir estes momentos tan preciados e bonitos que sen dúbida recordarán para sempre e que nos achega un pouco máis ao fermoso mundo dos contos.



lunes, 5 de mayo de 2025

CONTOS CON MIGA

O pasado martes tivemos na biblioteca do noso cole unha visita moi especial. Contamos co privilexio de escoitar a Carlos Yus, compoñente de Migallas Teatro.

Esta actividade, integrada no programa de "Lectura e Familias"consistiu en escoitar contos e cancións en familia que nos fixeron pensar sobre cuestións como a solidariedade, o consumismo, os xogos e a lingua.





viernes, 4 de abril de 2025

VISITA DE MARÍA CANOSA


Hoxe, o alumnado de 3º e 4º EP recibiu a visita da escritora María Canosa, autora do libro "Escola de bruxas", libro que estiveron e ler dende a volta das vacacións de Nadal.

María Canosa contoulles o proceso de escritura dun libro, e onde e en que se inspirou para escribir este. Estiveron moi atentos ás súas explicacións.

Despois fixéronlle unha morea de preguntas sobre o libro que ela contestou gozosa. Díxolles que, dado que vía que o libro lles gustara tanto, que cabía a posibilidade dunha segunda parte ou continuación do mesmo. Eles aplaudírona pois queren saber como remata a historia de Mencía, se por fin é quen de ser boa bruxa.

O alumnado entregoulle un pequeno dossier con debuxos feitos por eles mesmos das partes do libro que máis lles gustaron. Ela alegrouse moitísimo, e díxolles que lle encantaba que os nenos e as nenas a fixeran partícipe do traballado cos seus libros.

Rematou asinando o libro de cada un. Ah! e tamén asinou no libro de visitas da nosa biblioteca! 

Quedaron encantados con esta visita, e agardan que non tarde en volver.

 







               














jueves, 3 de abril de 2025

DE BO ROLLO

O xoves 3 de abril o alumnado de 3º de Educación Primaria tivo un obradoiro de sexualidade "De bo rollo" da man de Noelia, no que descubriron moitas cousas: xogaron á oca das familias e aprenderon as diferentes tipoloxías de familia e como, independientemente do tipo de familia, poden ter fillos; coñeceron os nomes das orientacións sexuais e das  e identidades de xénero; fixeron un mural co que lles gusta máis das súas familias...

Participaron de xeito moi activo, e pediron que voltase o curso que vén pois queren aprender máis!!!

  


               



 




martes, 11 de marzo de 2025

8 de Marzo

Coa finalidade de dar visibilidade á desigualdade de xénero que segue existindo na sociedade, participamos na conmemoración do día da MULLER. Este ano quixemos sacar as nosas reivindicacións á rúa realizando un camiño pola igualdade no que nos unimos para demostrar a forza da cooperación para lograr grandes obxectivos como é o da igualdade.

martes, 25 de febrero de 2025

Día de Rosalía

Para festexar o día de Rosalía, queriamos compartir os seus poemas polas distintas prazas do Concello, pero dado que o tempo non nos acompañou, fixémolas na biblioteca do cole. 

Foi moi emotivo ver ás familias vendo a todo o alumnado recitando poemas de Rosalía.



domingo, 16 de febrero de 2025

11 de Febreiro. Día da muller e da nena na Ciencia

Durante o  mes de febreiro, conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión, relacionámolo tamén co PDI deste curso, TransformARTE. Decidimos decorar artisticamente unhas cadeiras e investigar en cada curso sobre distintas mulleres científicas, preparando uns breves vídeos ou audios para compartir co resto de compañeiras e compañeiros todo o que aprendemos sobre elas.
Deixámosvos unha pequena mostra.