jueves, 23 de octubre de 2025

VISITA A NAVANTIA FENE

 


O pasado venres 17 de outubro, todo o alumnado e profesorado do CEIP Centieiras realizamos unha saída moi especial: visitamos as instalacións de Navantia Fene, unha das empresas máis importantes e emblemáticas do noso concello.

Esta visita foi moito máis ca unha excursión: marcou o inicio do noso Proxecto Documental Integrado “Paseando por Fene”, co que queremos descubrir, aprender e poñer en valor o noso entorno máis próximo. E non poderiamos comezar mellor ca en Navantia, unha empresa coa que Fene se identifica e da que nos sentimos moi orgullosas e orgullosos.

A xornada comezou cunha presentación informativa, na que o persoal de Navantia nos explicou o funcionamento dos distintos departamentos, os proxectos en marcha e, especialmente, o proceso de construción das “jackets”, unhas enormes estruturas destinadas á instalación de parques eólicos mariños.

Despois, subimos a un autobús que nos levou por todo o recinto, e así puidemos coñecer de primeira man o tamaño, a complexidade e a historia deste espazo industrial tan significativo para Fene. Durante a visita ás instalacións de Navantia, o alumnado quedou especialmente impresionado coas dimensións xigantescas do guindastre do pórtico. Ao situarse ao seu carón, o contraste resultaba abraiador: as súas proporcións facían que as rapazas e rapaces se sentisen minúsculos, como formiguiñas nun espazo pensado para traballos de enorme envergadura. Este impacto visual axudoulles a tomar conciencia da magnitude do traballo que se realiza en Navantia e da complexidade da construción.

Tamén visitamos o museo da empresa, onde aprendemos máis sobre a súa traxectoria e a importancia que tivo na vida económica e social da comarca.

Moito do alumnado alí presente quedou tan fascinado que saíu da experiencia con ganas de formar parte deste mundo de Navantia e, no futuro, traballar nesta empresa como o fixeron os seus familiares.

Grazas ao departamento de visitas e eventos de Navantia Fene pola súa atención, amabilidade e pola excelente preparación e organización da visita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario