miércoles, 1 de marzo de 2023

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

O pasado 28 de febreiro veu ao cole Andrea Maceiras autora do libro "Alma de elefante" que limos o alumnado de 3º e 4º EP.

Antes de comezar  fixémoslle entrega dun pequeno agasallo preparado por todos nós: un elefante de "feltro" e un libro cun pequeno texto e debuxos feitos por nós sobre o libro.

Logo pasou a explicarnos as "orixes" do libro cunha presentación dinámica: a historia naceu a partir dunha viaxe que ela fixo por Asia e está dedicada ao neno ou á nena que perdeu un debuxo e que ela atopou preto de Banteay Srei (templo de Angkor, en Camboia). Cando o visitou había un grupo de nenos e nenas correndo polos arredores, alí foi onde atopou unha pequena folla cun debuxo no que aparecía a imaxe do que ela estaba a ver dende o mirador.

Despois da explicación pediunos que pecharamos os ollos, que  nos relaxaramos e nos viramos sendo auga, terra, aire ou pedra... Unha vez relaxados, leunos con voz mainiña un relato da velliña Champey no que nos pedía que imaxinaramos de que animal tiñamos a nosa alma, coma Suy que tiña alma de bolboreta e Lawen que tiña alma de elefante.

Conseguiu a nosa relaxación e, pouco a pouco, cada un de nós foi dicindo de que animal era a nosa alma: peixe laranxa, puma, serpe...non vos podedes imaxinar a cantidade de animais nos que se converteran as nosas almas!!!

Respondeu de bo grado todas as preguntas que lle fixemos e escoitou moi atenta as interpretacións que iamos facendo sobre quen pensabamos que eran Suy e Lawen partindo do debuxo da cuberta do libro.

Para rematar  asinou os nosos libros facéndoos únicos co noso nome e o da alma do animal que cada un de nós imaxinou.

Sóubonos a pouco o tempo que estivemos con ela.

Grazas Andrea Maceiras por compartir con nós un anaquiño do teu tempo.






lunes, 27 de febrero de 2023

XOGAMOS ÁS CANICAS

O día 23 de febreiro veu á aula de 3º EP Ignacio, o papá de Enzo, ensinarnos como xogaban de pequenos coas canicas.

Trouxo canicas para todos, eran de diferentes tamaños e contounos o valor que ten cada canica dependendo do xogo.

Ensinounos dous dos xogos máis sinxelos: 

- un consistía en trazar un círculo no chan e meter dentro del canicas, nós, dende unha distancia, debiamos tirar a nosa canica e se caía dentro do círculo e dáballe a outra das que estaban, colliamos a nosa canica (se pola contra caía fóra colliamos a nosa canica e voltabamos a tirar) e a que lle déramos, gaña quen teña máis canicas.

- outro xogo consiste en facer un buraco no chan chamado "GUÁ" e lanzar a canica ata conseguir que entre no furado, hai que lanzar a canica dende o lugar no que queda en cada quenda.

Desfrutamos moitísimo!!! Ignacio regalounos unha canica a cada un de nós...agardamos que volva de visita e nos ensine outros xogos.

Grazas Ignacio por vis canda nós e ensinarnos os teus xogos de nenos.



martes, 21 de febrero de 2023

XOGOS DE MANS CON GOMAS ELÁSTICAS E LABIRINTO CON PELOTA

O 23 de xaneiro, veu visitarnos Laura, nai de Alicia, a amosarnos xogos con gomas elásticas para xogar de xeito individual ou por parellas, botoulle unha manAlicia, que é unha experta neste xogo. Algún e algunha de nós coñeciamos este xogo e conseguimos facer varias figuras, pola contra, ao resto custounos un pouco descubrir os trucos para pasar de figura porque de cando en vez a goma caía das nosas mans, faltábanos algo de paciencia e tiñamos que empezar de novo.

Tamén nos trouxo un labirinto feito en cartón cunha pelota e un burato no medio, consistía en que entre todo o equipo tiñamos que ir movendo a base do labirinto para ir guiando a pelota a facela chegar ao centro, non podiamos tocar a pelota coas mans en ningún momento nin tampouco sacudir o labirinto.

Por último amosounos como facer un boneco cun vaso de papel, unha luva e unha palla das que usamos para beber... 

Pasámolo xenial!!! Grazas Laura por volver á nosa aula, queremos que volvas outro día se nalgún mes non temos ningunha familia que poida vir xogar con nós... AGARDÁMOSTE!!!


                                                                                                                           
                                                                                                                                           






miércoles, 15 de febrero de 2023

CONTOS DE BOCA "A BURRA RAMONA"

O pasado 13 de febreiro veu de novo Susa á nosa aula, a avoa de Iria Maceiras, pero desta volta veu contarnos un conto titulado "A burra Ramona" de Paula Carballeira. A burra Ramona, un bo día, deixa de traballar e decide que quere voar; a súa decisión vai influír nunha chea de personaxes que, colaborando con ela, van conseguir realizar os seus soños aprazados e mesmo desouvir os mandados do exército e do rei.

Acompañáronnos nesta ocasión os nosos compañeiros e as nosas compañeiras de 4º EP pois Susa tamén é avoa de Nico.

Para facer máis amena a lectura do conto, Susa pediu axuda ao alumnado asi que, os nenos e as nenas das dúas aulas botámoslle unha man!

Gustounos moito o conto, agardamos que Susa poida voltar de novo á nosa aula pois encántanos todo o que nos conta e todos os xogos que nos ensina... Susa volve cando queiras!!! Agardámoste!





sábado, 11 de febrero de 2023

DÍA DA NENA NA CIENCIA

 As alumnas de 6º de primaria difundiron por todas  as aulas do cole o proxecto que están levando a cabo de procesado de plásticos en colaboración con Aspaneps.

Explicaron en pequenos grupos en que consiste o seu proxecto, e o que precisan para levalo a cabo.




lunes, 30 de enero de 2023

SEMANA DA ESCRITURA A MAN

A pasada semana conmemoramos no centro o Día Mundial da Escritura a Man! Estreámonos o pasado curso con esta actividade e tivo tanto éxito que decidimos repetila. A través de diferentes propostas de lettering adaptadas a cada nivel traballamos os trazos principais, diferentes tipoloxías de alfabetos e de números e ata propostas de libre creación xa que temos no centro a verdadeiros e verdadeiras expertas.

Tanto maiores como pequenos e pequenas esfórzanse por facer unha caligrafía impecable, adornada e que da gusto ver. Con esta actividade pretendemos traballar a creatividade, a relaxación, a concentración e tamén espertar novos intereses e talentos. 



lunes, 23 de enero de 2023

CONTOS DE BOCA EN 2º DE PRIMARIA

 O pasado 16 de xaneiro recibimos na aula a Juana, a nai de Roque para contarnos o primeiro conto do trimestre. Ela, narrounos as trepidantes historias de Pinocho. Algún e algunha xa viran a película ou leran o conto polo que sabían moito de todos os sucesos que lle ían acontecendo e  por isto, por momentos foi moi complicado non facer spoiler. Aínda asínon perdemos o interese xa que Juana cautivounos coa súa forma de contar!

Volverá no terceiro trimestre, pero esta vez a contarnos un conto que propoñan os nenos e nenas!



miércoles, 11 de enero de 2023

A BOLSA VIAXEIRA "A MAXIA DO XOGO"


En Centieiras non paramos de argallar, e este ano para afondar no  PDI, creamos unhas pequenas bolsas viaxeiras con xogos para poder levar ás casas que iremos cambiando ao longo do curso. 



Esta bolsa está a piques de saír, pero coma tiñamos moita curiosidade, tivemos que mirar o seu contido e probar os xogos antes da súa  primeira viaxe.



Agardamos que desfrudes xogando!










lunes, 2 de enero de 2023

A MAXIA DO XOGO EN 1º E 2º EP

Neste primeiro trimestre os nenos e nenas de 1º e 2º e dentro do noso proxecto documental integrado ”A maxia do xogo” que versa sobre o xogo afondamos nos xogos populares.

Para introducir a temática, na aula de 1º fixemos unha rutina de pensamento denominada: vexo, penso pregúntome, na cal, presentámoslle diversas imaxes ao alumnado sobre xogos populares e con isto coñecer as súas ideas previas.

Na aula de 2º iniciamos esta proposta a través dunha adaptación dun Pecha Kucha. Un pechakucha trátase dunha presentación composta por 20 diapositivas, a partir das cales debemos de falar sobre cada unha 20 segundos. Traballamos deste xeito tamén a expresión oral diante dun público. 



Despois disto, aprendemos e xogamos a diferentes xogos tradicionais: as catro esquinas, a mariola e pasa Perico.



Paralelamente a isto, aprendemos xogos de sortes tales como: "Paco repaco, camisa cagada foi á cociña comer a pescada, a pescada estaba fría e Paco de cagarría.” Agora xa son quenes de empregalas no seu tempo de lecer para rifar, e por último traballamos xogos de palabras: adiviñas e trabalinguas.

As aprendizaxes plasmámolas nun pequeno lapbook.





lunes, 26 de diciembre de 2022

CONTOS DE BOCA 1º TRIMESTRE EN 2º DE PRIMARIA

 Este trimestre en “Contos de boca” tivemos dúas visitas moi especiais, por unha banda, Juana, a nai de Roque a cal non nos contou unha historia nin dúas, senón tres! Estas tres historias máis concretamente eran fábulas, falounos de que as fábulas estaban protagonizadas por animais  e que sempre ao final, nos proporcionan unha ensinanza.

As tres fábulas que nos contou tiñan un mesmo protagonista: o raposo!

Encatáronnos tanto que lle pedimos que nos deixase o libro en clase para poder lelas outra vez. 





Por outra, Sonia, nai de Paula, que nos contou “Aventuras dunha pinga de auga”, este conto trata dunha pinga que viviu durante moito tempo baixo terra e un día quixo sair a ver a luz. Nesta aventura vaise atopando con outras personaxes: outras gotiñas de auga coas que forma un río, vaquiñas, unha nena… é unha fermosa historia de agradecemento.

Paula tamén nos emprestou este conto para a biblioteca de aula e que puideramos gozar del noutros momentos.


Grazas por acompañarnos e por facer destas horas de ler un tempo compartido e especial.

Esperámosvos no vindeiro trimestre.

viernes, 16 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

 Dende o equipo de biblioteca elaboramos as seguintes recomendacións lectoras de Nadal, esperamos vos gusten e gocedes coas lecturas.

Felices festas!

jueves, 8 de diciembre de 2022

XOGAMOS CUNHA AVOA

Hoxe, 7 de decembro de 2022, na aula de 3º EP recibimos a visita de Susa, a avoa de Iria Maceiras. Veu contarnos e xogar con nós aos xogos que xogaba cando ela era pequena.

Ensinounos cancións para rifar, xogou con nós ao corro, a "serra, serra", a "pase Misí, pase Misá"...

Recordou como era o Nadal daquela: que a súa primeira boneca tiña a cara de cartón e que, cando se lle manchou quixo limpala, e frotou e frotou ata que a cara se desfixo... Tamén tivo "mariquitas" que eran bonecas recortables en papel con vestidos: había que recortalas e logo xogaban a vestilas...

Contounos que na súa casa había unha cociña de leña e que para facer máis brasas usaban carbón, e que os seus irmáns maiores, que eran moi pícaros, pedían aos reis magos para ela carbón (porque algunha trasnada tiña feito) e así o carbón aproveitábase para a cociña (era carbón do de verdade!!!).

O tempo pasounos moi depresa, cando nos demos de conta xa era hora de marchar para outra clase, pero convidámola para que viñera outra vez seguir contándonos cousas do seu tempo, démonos de conta do pouco que precisaban para xogar e do ben que o pasaban.

Volve pronto Susa, queremos seguir escoitándote!!!




jueves, 1 de diciembre de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O mes de novembro conmemoramos na biblioteca "Mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares". Para isto, realizamos ao longo de todo o mes diferentes talleres nos recreos: creación de chapas científicas, retos de construcción e obradoiros de robótica e realidade aumentada. A verdade é que a axuda dous nosos colaboradores e colaboradas de bibloteca foi fundamental para que esta actividade se puidera levar a cabo.