jueves, 8 de diciembre de 2022

XOGAMOS CUNHA AVOA

Hoxe, 7 de decembro de 2022, na aula de 3º EP recibimos a visita de Susa, a avoa de Iria Maceiras. Veu contarnos e xogar con nós aos xogos que xogaba cando ela era pequena.

Ensinounos cancións para rifar, xogou con nós ao corro, a "serra, serra", a "pase Misí, pase Misá"...

Recordou como era o Nadal daquela: que a súa primeira boneca tiña a cara de cartón e que, cando se lle manchou quixo limpala, e frotou e frotou ata que a cara se desfixo... Tamén tivo "mariquitas" que eran bonecas recortables en papel con vestidos: había que recortalas e logo xogaban a vestilas...

Contounos que na súa casa había unha cociña de leña e que para facer máis brasas usaban carbón, e que os seus irmáns maiores, que eran moi pícaros, pedían aos reis magos para ela carbón (porque algunha trasnada tiña feito) e así o carbón aproveitábase para a cociña (era carbón do de verdade!!!).

O tempo pasounos moi depresa, cando nos demos de conta xa era hora de marchar para outra clase, pero convidámola para que viñera outra vez seguir contándonos cousas do seu tempo, démonos de conta do pouco que precisaban para xogar e do ben que o pasaban.

Volve pronto Susa, queremos seguir escoitándote!!!




No hay comentarios:

Publicar un comentario