lunes, 26 de diciembre de 2022

CONTOS DE BOCA 1º TRIMESTRE EN 2º DE PRIMARIA

 Este trimestre en “Contos de boca” tivemos dúas visitas moi especiais, por unha banda, Juana, a nai de Roque a cal non nos contou unha historia nin dúas, senón tres! Estas tres historias máis concretamente eran fábulas, falounos de que as fábulas estaban protagonizadas por animais  e que sempre ao final, nos proporcionan unha ensinanza.

As tres fábulas que nos contou tiñan un mesmo protagonista: o raposo!

Encatáronnos tanto que lle pedimos que nos deixase o libro en clase para poder lelas outra vez. 





Por outra, Sonia, nai de Paula, que nos contou “Aventuras dunha pinga de auga”, este conto trata dunha pinga que viviu durante moito tempo baixo terra e un día quixo sair a ver a luz. Nesta aventura vaise atopando con outras personaxes: outras gotiñas de auga coas que forma un río, vaquiñas, unha nena… é unha fermosa historia de agradecemento.

Paula tamén nos emprestou este conto para a biblioteca de aula e que puideramos gozar del noutros momentos.


Grazas por acompañarnos e por facer destas horas de ler un tempo compartido e especial.

Esperámosvos no vindeiro trimestre.

viernes, 16 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

 Dende o equipo de biblioteca elaboramos as seguintes recomendacións lectoras de Nadal, esperamos vos gusten e gocedes coas lecturas.

Felices festas!

jueves, 8 de diciembre de 2022

XOGAMOS CUNHA AVOA

Hoxe, 7 de decembro de 2022, na aula de 3º EP recibimos a visita de Susa, a avoa de Iria Maceiras. Veu contarnos e xogar con nós aos xogos que xogaba cando ela era pequena.

Ensinounos cancións para rifar, xogou con nós ao corro, a "serra, serra", a "pase Misí, pase Misá"...

Recordou como era o Nadal daquela: que a súa primeira boneca tiña a cara de cartón e que, cando se lle manchou quixo limpala, e frotou e frotou ata que a cara se desfixo... Tamén tivo "mariquitas" que eran bonecas recortables en papel con vestidos: había que recortalas e logo xogaban a vestilas...

Contounos que na súa casa había unha cociña de leña e que para facer máis brasas usaban carbón, e que os seus irmáns maiores, que eran moi pícaros, pedían aos reis magos para ela carbón (porque algunha trasnada tiña feito) e así o carbón aproveitábase para a cociña (era carbón do de verdade!!!).

O tempo pasounos moi depresa, cando nos demos de conta xa era hora de marchar para outra clase, pero convidámola para que viñera outra vez seguir contándonos cousas do seu tempo, démonos de conta do pouco que precisaban para xogar e do ben que o pasaban.

Volve pronto Susa, queremos seguir escoitándote!!!




jueves, 1 de diciembre de 2022

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O mes de novembro conmemoramos na biblioteca "Mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares". Para isto, realizamos ao longo de todo o mes diferentes talleres nos recreos: creación de chapas científicas, retos de construcción e obradoiros de robótica e realidade aumentada. A verdade é que a axuda dous nosos colaboradores e colaboradas de bibloteca foi fundamental para que esta actividade se puidera levar a cabo.

martes, 8 de noviembre de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado 24 de outubro celebramos o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. Para conmemorar este día o alumnado de sexto de educación primaria serigrafiou unhas bolsas de tea cun anagrama creado por eles e elas para recadar fondos para a excursión de fin de primaria. Nestas bolsas ían libros adaptados ás diferentes idades, libros que saíron despois de facer un expurgo na biblioteca do centro.


Nestas bolsas ían libros adaptados ás diferentes idades, libros que saíron despois de facer un expurgo na biblioteca do centro.




                                                

Aproveitamos tamén ese día para dar saída ás mochilas viaxeiras en cada curso.



martes, 18 de octubre de 2022

INAUGURACIÓN DO PDI "A MAXIA DO XOGO"

O pasado venres 14 de outubro pasámolo xenial, inauguramos o PDI deste curso cunha xincana de xogos do máis variada: xogos de mesa, xogos tradicionais, xogos de realidade virtual, xogos xigantes... Todos eles preprados tanto para grandes coma para pequenos... 

Iamos rotando polos xogos en grupos verticais: grupos mesturados de alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º EP por un lado, e por outro lado grupos co resto do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º EP.



Para que vexades o ben que o pasamos deixámosvos esta mostra... Cando poderemos repetir unha xornada asi? Esperemos non tardar moito!!!!




miércoles, 5 de octubre de 2022

OS MÉRCORES CONTAMOS

Este ano as nenas e os nenos de 4º, 5º e 6º de educación primaria queren continuar coas lecturas compartidas. Os mércores na hora de ler, de forma quincenal,  agardan os máis pequenos/as do cole nas súas aulas con moita impaciencia para saber quen virá a súa clase e que conto descubrirán.




martes, 4 de octubre de 2022

ELECCIÓN DO TÍTULO DO PDI CURSO 2022-2023

Onte, na hora de ler fixemos a votación para escoller o título para o PDI que imos desenvolver este curso e que xira arredor do xogo... Tiñamos catro títulos: "A que xogamos?", "A maxia do xogo", "Ségueme o xogo" e "Tócache a ti!"... 



Votamos coma os adultos, depositando o noso voto nunha urna debidamente precintada e cinco voluntarios/as da biblioteca ían anotando quen votaba.
O título gañador foi.... "A MAXIA DO XOGO"... Que faremos ao longo do curso? Xa vos iremos contando.






VISITA Á EXPOSICIÓN "CAN DE PALLEIRO" E BIBLIOTECA MUNICIPAL

As nenas e os nenos de 3º e 4º de EP o venres 30 de setembro visitamos a exposición "Can de palleiro" e a Biblioteca municipal Pérez Parallé. 
Carolina, a bibliotecaria, fixo xogos con nós e conseguimos un lote de seis libros para cada unha das aulas. 

Almudena presentounos a Juan Carlos, presidente da asociación "Can de palleiro" quen nos contou moitas cousas desta raza de can. Con el vimos unha exposición de fotos destes cans, e tiñanos unha sorpresa preparada: levounos a Tuna, a súa cadela desta raza, que fixo as delicias de todos e todas nós... Pobre Tuna, estaba un pouco asustada porque eramos moitos arredor dela para tocala e acariñala. Grazas a Carolina, Almudena, Juan Carlos e... como non, a Tuna!!! 
Gustounos tanto que as profes están pensando en convidar a Juan Carlos para que veña ao cole a dar máis charlas sobre "razas autóctonas". Sería fantástico!!!


                            

sábado, 1 de octubre de 2022

MALETA CREATIVA

Este ano decidimos facer a nosa "Maleta Creativa" e así dispoñer dela ao longo de todo o curso. Fixemos unha para Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria, e outra para 3º, 4º, 5º e 6º. Sairá neste mes de outubro e permanecerá un mes enteiro en cada clase.

Agardamos que vos guste!





Deixámosvos por aquí os títulos que conteñen cada unha delas. 



lunes, 26 de septiembre de 2022

LECTURAS PARA AS FAMILIAS

Un dos nosos propósitos neste curso escolar é dinamizar os empréstitos ás familias, polo que aquí podedes atopar a colección de lecturas das que dispoñemos na actualidade. Apetéceche gozar un pouquiño con estas lecturas tan interesantes? Na presentación podes encontrar máis información.
Animádevos!

CURSO 2022-2023

 


Xa estamos de volta e con moitas novidades!

domingo, 29 de mayo de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Achegámonos ás vacacións de verán, e que mellor maneira de gozar das vacacións que lendo un bo conto?

Aquí deixámosvos as nosas propostas.