martes, 30 de enero de 2024

TECENDO POLA PAZ. DÍA DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Para conmemorar este día estivemos traballando nas semanas previas o libro "El hilo invisible" de Miriam Tirado con ilustracións de Marta Moreno, para comprender que todos e todas as que formamos parte desta escola estamos unidas por un fío invisible.

Tras a lectura levamos a cabo unha dinámica de cohesión chamada "Adiviñas, versos e refráns" coa que fixemos parellas para falar sobre a historia deste conto.

Finalmente as nenas e nenos trouxeron un anaco de fío, que tamén os une á súa casa e á súa familia, e os atamos para unificar a toda a comunidade educativa pasando polo noso embigo, como pasa no conto. 

Desta forma demos nome a esta actividade, tecendo pola paz, que é o obxectivo que perseguimos para colaborar e traballar xuntas e xuntos.







jueves, 21 de diciembre de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

 Deixámosvos unhas propostas de lectura para este Nadal. 

Agardamos sexan do voso interese e que gocedes con elas.  




lunes, 27 de noviembre de 2023

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Os días 24 e 27 de novembro realizamos actividades para conmemorar o Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. 

Como vimos facendo dende hai uns anos colaboramos coa FANPA Ferrolterra en diversas actividades, nesta ocasión participamos nas V Xornadas escolares de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero, baixo o título: "O SOS silencioso"

Tamén participamos na 11ª andaina contra a violencia de xénero dentro da campaña "Camiño ao respecto"  impulsada pola Xunta de Galicia.

Nesta conmemoración, como en moitas das que facemos no centro, a ANPA colaborou facendo decoración para a mesma.

















jueves, 23 de noviembre de 2023

VISITAMOS A LONXA DE FERROL

Este martes fomos de visita á lonxa da Cofraría de Pescadres de Ferrol, no porto de Curuxeiras. Alí aprendemos un montón de cousas relacionadas co medio mariño e coa pesca: algunhas formas de pesca, o funcionamento da lonxa, a limpeza das capturas, a súa conservación e coñecimos especies que non viramos antes como as esponxas de mar.

Pasámolo moi ben e aprendemos un pouco máis para continuar no camiño da concienciación sobre a importancia da limpeza e a conservación dos nosos mares e da vida que habita neles.

Moitas grazas ao persoal da Cofraría por acollernos e contarnos tantas cousas.



miércoles, 22 de noviembre de 2023

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS


O pasado xoves , día 30 de novembro, o alumnado de 5º de educación infantil, e de 2º e 5º de educación primaria acudíu a Radio Fene a gravar o primeiro programa de radio do curso de "Crónicas de Centieiras".

Nesta edición o alumnado de 5º fai un percorrido por todas as actividades que realizamos na escola dende setembro, os nenos e nenas de 2º recitan unha recompilación de ditos e adiviñas de outono e por último o alumnado de 5º de EI cantan o "Rap do Magosto". 

Si premedes AQUÍ, poderedes escoitar o programa ao completo!  

Agardamos vos guste!



martes, 14 de noviembre de 2023

XOGAMOS COAS FAMILIAS DE 5º E 6º

 Hoxe pola mañá desfrutamos dunha nova xornada de xogos coas familias voluntarias do alumnado de 5º e 6º, que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

 

Este curso comezamos en 5º e 6º cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

 

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

 

Polo de agora, con esta segunda xornada de xogos coas familias podemos asegurar que se trata de todo un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir e avalían a actividade de forma moi positiva, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias participar e desfrutar xuntos e para as familias, que ademais das valoracións que nos fan de xeito oral, déixannos tamén reflexións por escrito tan fermosas coma as seguintes:

 

Rebeca: Divertido. Competitividad sana. Muchas risas. Un gusto compatirlo, como siempre.

 

Mari: Gracias por invitarme a esta jornada tan divertida, se me pasó el tiempo volando. Si tengo que hacer una valoración a los/as alumnos/as sería muy positiva porque todos/as respetaron las normas, no tuvieron conflictos y fueron muy divertidos/as. Si pudiera, estaría de vuelta mañana. ¡Gracias!

 

Moitas grazas a vós, Rebeca, Mari, Marta, Juana e Cora, foi un pracer contar con vós para esta actividade.



 

lunes, 6 de noviembre de 2023

CONTOS DE BOCA EN PRIMARIA

Onte o alumnado de educación primaria inaugurou a actividade de " Contos de boca";  primeira convidada foi Juana, a mamá de Roque, que veu contar dúas lendas moi fermosas que nos impresionaron moito.

A primeira lenda foi a da creación da Torre de Hércules: "Hércules consegue vencer ao rei Xerión decapitándoo,  enterra a  súa cabeza e manda construír unha torre nese mesmo lugar para conmemorar e recordar a súa victoria".

Por iso o escudo de A Coruña ten unha Torre de Hércules cunha caveira debaixo....

A segunda lenda foi a da Serea das Mirandas:" Din que nas illa Mirandas vive, dende hai moitos moitos anos, unha serea que adoita moverse pola ría de Ares, e que ás veces aparécese para facer ben, ou para facer mal.

Tede coidado cando vaiades á praia das Mirandas.....andade con ollo !

Lembrade que as lendas son lendas, pero que teñen a súa parte de verdade.

Grazas Juana !! Foi moi divertido, así que esperamos que volvas cando queiras ! 



martes, 31 de octubre de 2023

LECTURAS ÁS ESCURAS

Polo Samaín, como xa é tradición por estas datas, fixemos un concurso de relatos de medo e nas aulas as lecturas ás escuras que tanto lles gustan ás nenas e aos nenos.
Deixámosvos unha mostra deste día tan terrorífico en Centieiras e o enlace a algúns dos contos elaborados:







martes, 24 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

 Hoxe para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares fixemos entrega nas aulas das distintas mochilas viaxeiras. Sempre é unha alegría recibilas na clase e ver o seu contido, mais o mellor, é sempre o día que a podemos levar para casa.



martes, 17 de octubre de 2023

DÍA DAS ESCRITORAS

 Hoxe luns 16 de outubro conmemoramos o Dia das Escritoras. Esta data vense conmemorando desde outubro de 2016 para recuperar o legado das mulleres escritoras, facer visible o traballo das mulleres na literatura e combater a discriminación que sofreron ao longo da historia. 

Deixamos unha mostra do que fixemos:

En 1º e 2º de Educación Primaria limos sinopses e partes de diferentes contos infantís escritos por mulleres: "Corre corre cabaciña", "A casa da mosca chosca", "Fina a pirata" ou "Escarlatina a cociñeira defunta"...

A partir das lecturas, os nenos e nenas debían tratar adiviñar cal era a portada de dito conto e así tamén coñecer á autora. Unha vez feito isto, levaban o robot DOC ata ela.



 En 5º de primaria traballamos o poema de Gloria Fuertes "Poema al No" e fixeron un pequeno mural. 

Mirade o resultado!


 



GRUPOS INTERACTIVOS 3ºCICLO

 Este curso estreamos a proposta de grupos interactivos que no noso centro xa se viña facendo noutros ciclos. Desfrutamos dunha xornada de xogos de mesa en grupos formados por nenos e nenas de 5º e 6º e un familiar que voluntariamente se achegou ao centro a participar con nós nesta nova andaina. 

 

Temos que agradecer ás familias a súa disposición, paciencia e entrega nesta actividade. O resultado vese nas fotos e algunhas das primeiras impresións das familias xa as temos:

"Encantada de xogar con estes nenos e nenas de de APRENDER CON ELES". Lucía Souto.

"Encantado de xogar todos xuntos e pasar un ratiño tan divertido. Desexando volver! Diego Maceiras.

"Momentos bonitos e divertidos". Isabel Cortizas.

"Encantoume pasar este bo ratop con todos estes pequenos artistas. Ata a próxima! Silvia Delgado.

"Momentos bonitos e divertidos". Isabel Cortizas.

"Encantadas de vir e de que teñades iniciativas tan chulas que compartir. Grazas!. Paula de Santiago.


lunes, 9 de octubre de 2023

INICIAMOS O PDI

O pasado venres 6 de outubro inauguramos o noso proxecto documental integrado, que pretende traballae e concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Que fixemos para esta ocasión tan especial? Aproveitamos que ese día se levaba a cabo a XII Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA e aproveitamos para limpar a praia de San Valentín.

Puxémonos en marcha ás 10:30 e todas e todos xuntos fomos camiñando ata alí formando parellas de pequenos e pequenas e maiores.


Unha vez alí, expertas d asociación ADEGA faláronnos un pouquiño sobre aspectos básicos a ter en conta na praia e logo xa nos puxemos mans á obra. Traballamos moito e tamén desfrutamos un puquiño da area e dos compañeiros e compañeiras.



Ao final, clasificamos o lixo atopado e o que máis nos sorprendeu é que había un montón de pauiños de limpar os oídos! 

Aínda que a praia parecía moi limpa, logramos recoller 25 quilos de lixo.


Unha vez chegamos ao cole, fixemos a votación do nome do noso proxecto. 

As nenas e os nenos escolleron "PEGADAS VERDES".



Non vos esquezades deste nome porque seguro o oiredes moitas veces máis ao longo do curso.

3, 2, 1, arrancamos!

Grazas a ADEGA pola axuda e a predisposición e ao Concello de Fene polas luvas e a colaboración en toda a loxística. Dá gusto facer escola deste xeito.