martes, 8 de noviembre de 2022

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado 24 de outubro celebramos o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. Para conmemorar este día o alumnado de sexto de educación primaria serigrafiou unhas bolsas de tea cun anagrama creado por eles e elas para recadar fondos para a excursión de fin de primaria. Nestas bolsas ían libros adaptados ás diferentes idades, libros que saíron despois de facer un expurgo na biblioteca do centro.


Nestas bolsas ían libros adaptados ás diferentes idades, libros que saíron despois de facer un expurgo na biblioteca do centro.




                                                

Aproveitamos tamén ese día para dar saída ás mochilas viaxeiras en cada curso.



martes, 18 de octubre de 2022

INAUGURACIÓN DO PDI "A MAXIA DO XOGO"

O pasado venres 14 de outubro pasámolo xenial, inauguramos o PDI deste curso cunha xincana de xogos do máis variada: xogos de mesa, xogos tradicionais, xogos de realidade virtual, xogos xigantes... Todos eles preprados tanto para grandes coma para pequenos... 

Iamos rotando polos xogos en grupos verticais: grupos mesturados de alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º EP por un lado, e por outro lado grupos co resto do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º EP.



Para que vexades o ben que o pasamos deixámosvos esta mostra... Cando poderemos repetir unha xornada asi? Esperemos non tardar moito!!!!




miércoles, 5 de octubre de 2022

OS MÉRCORES CONTAMOS

Este ano as nenas e os nenos de 4º, 5º e 6º de educación primaria queren continuar coas lecturas compartidas. Os mércores na hora de ler, de forma quincenal,  agardan os máis pequenos/as do cole nas súas aulas con moita impaciencia para saber quen virá a súa clase e que conto descubrirán.




martes, 4 de octubre de 2022

ELECCIÓN DO TÍTULO DO PDI CURSO 2022-2023

Onte, na hora de ler fixemos a votación para escoller o título para o PDI que imos desenvolver este curso e que xira arredor do xogo... Tiñamos catro títulos: "A que xogamos?", "A maxia do xogo", "Ségueme o xogo" e "Tócache a ti!"... 



Votamos coma os adultos, depositando o noso voto nunha urna debidamente precintada e cinco voluntarios/as da biblioteca ían anotando quen votaba.
O título gañador foi.... "A MAXIA DO XOGO"... Que faremos ao longo do curso? Xa vos iremos contando.






VISITA Á EXPOSICIÓN "CAN DE PALLEIRO" E BIBLIOTECA MUNICIPAL

As nenas e os nenos de 3º e 4º de EP o venres 30 de setembro visitamos a exposición "Can de palleiro" e a Biblioteca municipal Pérez Parallé. 
Carolina, a bibliotecaria, fixo xogos con nós e conseguimos un lote de seis libros para cada unha das aulas. 

Almudena presentounos a Juan Carlos, presidente da asociación "Can de palleiro" quen nos contou moitas cousas desta raza de can. Con el vimos unha exposición de fotos destes cans, e tiñanos unha sorpresa preparada: levounos a Tuna, a súa cadela desta raza, que fixo as delicias de todos e todas nós... Pobre Tuna, estaba un pouco asustada porque eramos moitos arredor dela para tocala e acariñala. Grazas a Carolina, Almudena, Juan Carlos e... como non, a Tuna!!! 
Gustounos tanto que as profes están pensando en convidar a Juan Carlos para que veña ao cole a dar máis charlas sobre "razas autóctonas". Sería fantástico!!!


                            

sábado, 1 de octubre de 2022

MALETA CREATIVA

Este ano decidimos facer a nosa "Maleta Creativa" e así dispoñer dela ao longo de todo o curso. Fixemos unha para Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria, e outra para 3º, 4º, 5º e 6º. Sairá neste mes de outubro e permanecerá un mes enteiro en cada clase.

Agardamos que vos guste!





Deixámosvos por aquí os títulos que conteñen cada unha delas. 



lunes, 26 de septiembre de 2022

LECTURAS PARA AS FAMILIAS

Un dos nosos propósitos neste curso escolar é dinamizar os empréstitos ás familias, polo que aquí podedes atopar a colección de lecturas das que dispoñemos na actualidade. Apetéceche gozar un pouquiño con estas lecturas tan interesantes? Na presentación podes encontrar máis información.
Animádevos!

CURSO 2022-2023

 


Xa estamos de volta e con moitas novidades!

domingo, 29 de mayo de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Achegámonos ás vacacións de verán, e que mellor maneira de gozar das vacacións que lendo un bo conto?

Aquí deixámosvos as nosas propostas.

domingo, 22 de mayo de 2022

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL E AO MUSEO DO HUMOR

 A pasada semana, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º fomos a visitar O Museo do Humor, onde se atopa a nosa  Biblioteca Municipal.

Foi unha xornada moi divertida e con diversas actividades. 

Por unha banda Carolina, a bibliotecaria de Fene, contounos como estaban organizados os libros, que tiñamos que facer si queríamos ser socios e socias da biblioteca… e un montón de cousas máis!

Tamén tiña organizado para nós unha búsqueda do tesouro! Fomos descubrindo pistas ata chegar a el! Un lote de libros para cada aula!

Moitas moitas grazas Carolina pola implicación e a paciencia!

Por outra parte, tamén alí nos esperaba Almudena,  a que nos fixo unha visita guiada a exposición que está actualmente no Museo do Humor. Esta é sobre Xaquín Marín un pintor fenés. Encantounos ver os diferentes personaxes!


CONTOS DE BOCA EN EDUCACIÓN PRIMARIA

Poñemos fin a unha das actividades que tanto nos gustou e que, por fin, puidemos recuperar este ano: contos de boca.

En Educación Primaria foi os venres o día elixido para que as familias voluntarias viñeran ás aulas a compartir con nós un ratiño de lectura e de gozo. 


Juana, Mariana, Sonia... e todos e todas os que viñestes algún venres -moi esperado sempre polos nenos e nenas- . Grazas pola implicación! 

IMPRESORA 3D

Sendo este o noso segundo ano de biblioteca creativa, recibimos orzamento para mercar unha impresora 3D.



Para coñecer o seu funcionamento, as profes recibimos unha formación dentro dunha das liñas de formación de profesorado que ten o centro, concretamente a relacionada con biblioteca creativa. Nesa tarde, Reyes, falounos de filamentos, de bobinas, de mantemento, de aplicacións didácticas... Aprendimos un montón!

Logo disto, foi a profe Iria a que levou todo isto á práctica co alumnado de Arts&Crafts dos niveis superiores do centro. Deseñaron e crearon chaveiros, portalapis... Unha auténtica experiencia que só acaba de comezar. 




Para o vindeiro curso, máis e mellor!



MES DO LIBRO

Este mes de abril conmemoramos o "Mes do libro" a través de diferentes actividades. 

Por unha banda, organizamos obradoiros de escritura creativa partindo das ideas de "El cuadernito de escritura creativa" de El Hematocrítico e do "Laboratorio Portátil de Escritura" de Díaz Reguera, as cales adaptamos aos diferentes niveis. 

Isto fixémolo cunha dobre finalidade, traballar a imaxinación e a escritura, por suposto, mais tamén darlles modelos ao alumnado para poder crear o noso cuaderniño de escritura creativa elaborado con aportacións dos diferentes niveis e que pasaría a formar parte dos nosos fondos da biblioteca, dentro de aqueles de elaboración propia. 

Aquí tedes o resultado!

 

Por outra, cada neno e cada nena escolleu o seu conto preferido, reflexionou sobre os motivos polos que lle gusta tanto e plasmouno nunha plantilla proporcionada polas mestras. Con todos estes títulos fixemos unha pequena exposición no patio cuberto. 

Quedou así de vistosa! 


Tamén, aproveitamos este mes para volver sacar ao patio os carriños con lecturas para que os nenos e nenas que quixeran puideran coller un conto no momento de lecer.