viernes, 23 de febrero de 2024

DÍA DE ROSALÍA

 Hoxe, 23 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía, unha das autoras máis importantes da nosa literatura. Para isto, tiñamos previsto saír polas distintas prazas do concello de Fene para recitar poemas de Rosalía, mais o mal tempo non nolo permitiu e, finalmente, realizamos o recital na pista cuberta do colexio.

 Fixérono todas e todos de marabilla, parabéns!

Ademais, coma sempre, contamos coa asistencia das familias que acudiron como público ao recital. Moitas grazas por acompañarnos, a pesar da chuvia e do frío.






jueves, 22 de febrero de 2024

CONTOS DE BOCA EN INFANTIL

A semana pasada tivemos a visita de Diego o pai de Lois para ler un conto, xa casi é o noso pai lector oficial! Nesta ocasión trouxo o conto El gigante: El secreto del abuelo. Unha historia de tolerancia onde coñecemos a un neno que co paso do tempo comprende que existen segredos demasiado grandes para estar ocultos. Grazas unha vez mais Diego por acompañarnos.



viernes, 16 de febrero de 2024

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

A pasada semana conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia a través de dúas actividades. O xoves visitáronnos polas clases algunhas compañeiras do cole, que actuaron como embaixadoras e representantes das nenas na ciencia. Con elas trouxeron varios obxectos moi interesantes, algúns deles que eran descoñecidos para todas e todos, e que nos chamaron moito a atención.
Selena e Daniela ensináronnos como eran e funcionaban os teléfonos antigos. Nayla e Antía explicáronnos para que serve un microscopio e como podemos empregalo. Thais e Valentina amosáronnos un zoótropo e puidemos ver como, ao xiralo, as imaxes do seu interior parecían moverse. Eimy e Zoe trouxeron uns mexilóns xigantes, especie que non podemos atopar na nosa zona pero que chega ata aquí pegada nos cascos dos barcos que veñen doutros lugares.



O venres recibimos a visita dunha muller científica, Ana. Ela é química e traballa no porto exterior de Ferrol. Ás nenas e nenos de Infantil e 1º ciclo veu contarnos en que consiste a súa profesión, amosounos como é o seu lugar de traballo e ensinounos algún vídeo sobre o mesmo.

Ao alumnado de 2º e 3º ciclo deunos unha charla sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, relacionados co PDI e que xa estamos a traballar nalgunhas aulas. En grupos fixemos un pequeno traballo de investigación sobre os mesmos e logo realizamos unha posta en común para dar a coñecer aos outros equipos as conclusións obtidas.



Moitas grazas por acompañarnos!!!

viernes, 2 de febrero de 2024

MALETA DE SOSTIBILIDADE

Durante o mes de xaneiro desfrutamos na aula de 5º de educación infantil do marabilloso contido da maleta de sostibilidade que crearon para nós dende o equipo de biblioteca. Nela atopamos moitísima información sobre o PDI que estamos a desenvolver durante este curso; encantáronnos tanto os libros informativos coma os contos e aprendimos moitísimo con eles.




jueves, 1 de febrero de 2024

XANEIRO: Mes do lettering

 Dende fai uns anos, xaneiro consolídase como mes da escritura a man. Nalgunhas sesións do plan lector ao longo de este mes realízanse diferentes propostas: iniciación e práctica de trazos, creación de lemas e frases... Dependendo do interese e das habilidades de cada un. Traballamos concentración, destrezas motrices, perseverencia, coordinación... 



LECTURA DIXITAL E-ELBE.2

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares ponse á disposición do alumnado a plataforma Bega Elbe-2 para ler libros en formato dixital gratuita. Todo o alumnado de educación infantil e primaria poderá acceder á plataforma, usando o seu identificador e contrasinal persoal facilitado a través de abalar.

Trátase de que coñezades que existe este recurso por se queredes dispoñer del no móbil, tablet ou ordenador. Puidéndoo usar online ou tamén descargando a app E-Elbe.2 nos dispositivos que se queira usar.

 O enlace online á plataforma é: https://bega-elbe2.edu.xunta.es/







martes, 30 de enero de 2024

TECENDO POLA PAZ. DÍA DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

Para conmemorar este día estivemos traballando nas semanas previas o libro "El hilo invisible" de Miriam Tirado con ilustracións de Marta Moreno, para comprender que todos e todas as que formamos parte desta escola estamos unidas por un fío invisible.

Tras a lectura levamos a cabo unha dinámica de cohesión chamada "Adiviñas, versos e refráns" coa que fixemos parellas para falar sobre a historia deste conto.

Finalmente as nenas e nenos trouxeron un anaco de fío, que tamén os une á súa casa e á súa familia, e os atamos para unificar a toda a comunidade educativa pasando polo noso embigo, como pasa no conto. 

Desta forma demos nome a esta actividade, tecendo pola paz, que é o obxectivo que perseguimos para colaborar e traballar xuntas e xuntos.







jueves, 21 de diciembre de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

 Deixámosvos unhas propostas de lectura para este Nadal. 

Agardamos sexan do voso interese e que gocedes con elas.  




lunes, 27 de noviembre de 2023

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Os días 24 e 27 de novembro realizamos actividades para conmemorar o Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. 

Como vimos facendo dende hai uns anos colaboramos coa FANPA Ferrolterra en diversas actividades, nesta ocasión participamos nas V Xornadas escolares de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero, baixo o título: "O SOS silencioso"

Tamén participamos na 11ª andaina contra a violencia de xénero dentro da campaña "Camiño ao respecto"  impulsada pola Xunta de Galicia.

Nesta conmemoración, como en moitas das que facemos no centro, a ANPA colaborou facendo decoración para a mesma.

















jueves, 23 de noviembre de 2023

VISITAMOS A LONXA DE FERROL

Este martes fomos de visita á lonxa da Cofraría de Pescadres de Ferrol, no porto de Curuxeiras. Alí aprendemos un montón de cousas relacionadas co medio mariño e coa pesca: algunhas formas de pesca, o funcionamento da lonxa, a limpeza das capturas, a súa conservación e coñecimos especies que non viramos antes como as esponxas de mar.

Pasámolo moi ben e aprendemos un pouco máis para continuar no camiño da concienciación sobre a importancia da limpeza e a conservación dos nosos mares e da vida que habita neles.

Moitas grazas ao persoal da Cofraría por acollernos e contarnos tantas cousas.



miércoles, 22 de noviembre de 2023

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS


O pasado xoves , día 30 de novembro, o alumnado de 5º de educación infantil, e de 2º e 5º de educación primaria acudíu a Radio Fene a gravar o primeiro programa de radio do curso de "Crónicas de Centieiras".

Nesta edición o alumnado de 5º fai un percorrido por todas as actividades que realizamos na escola dende setembro, os nenos e nenas de 2º recitan unha recompilación de ditos e adiviñas de outono e por último o alumnado de 5º de EI cantan o "Rap do Magosto". 

Si premedes AQUÍ, poderedes escoitar o programa ao completo!  

Agardamos vos guste!



martes, 14 de noviembre de 2023

XOGAMOS COAS FAMILIAS DE 5º E 6º

 Hoxe pola mañá desfrutamos dunha nova xornada de xogos coas familias voluntarias do alumnado de 5º e 6º, que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

 

Este curso comezamos en 5º e 6º cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

 

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

 

Polo de agora, con esta segunda xornada de xogos coas familias podemos asegurar que se trata de todo un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir e avalían a actividade de forma moi positiva, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias participar e desfrutar xuntos e para as familias, que ademais das valoracións que nos fan de xeito oral, déixannos tamén reflexións por escrito tan fermosas coma as seguintes:

 

Rebeca: Divertido. Competitividad sana. Muchas risas. Un gusto compatirlo, como siempre.

 

Mari: Gracias por invitarme a esta jornada tan divertida, se me pasó el tiempo volando. Si tengo que hacer una valoración a los/as alumnos/as sería muy positiva porque todos/as respetaron las normas, no tuvieron conflictos y fueron muy divertidos/as. Si pudiera, estaría de vuelta mañana. ¡Gracias!

 

Moitas grazas a vós, Rebeca, Mari, Marta, Juana e Cora, foi un pracer contar con vós para esta actividade.