jueves, 22 de junio de 2023

CENTIFEST

O martes 30 de maio celebramos o Centifest 2023, unha mañá chea de aprendizaxe, risos e xogos, moitos xogos! Cada aula presentou os seus traballos de todo o curso e había unha morea de cousas: xadrez xigante, xogos de feira, xogos do mundo, xogos tradicionais, xogos electrónicos, xogos de mesa... unha marabilla! As familias viñeron ver o noso traballo e algunhas incluso montaron o seu propio tenderete, moitas grazas ♡ Para rematar, familias, nenos e nenas atrvéronse cunha repichoca na que escoitamos e bailamos. Conclusión: pasámolo en grande.

Aquí vos deixamos fotos e vídeo da xornada. Por moitas outras mais!






martes, 13 de junio de 2023

XOGOS DO MUNDO

 Un dos traballos que presentamos o alumnado de 1º e de 2º de Educación Primaria á nosa feira de xogo foi un mapamundi no que incorporamos códigos QR que nos dirixían a vídeos onde os nenos e nenas explicaban oralmente as instrucións de xogos de diferentes partes do mundo: África, América…

Para facer este traballo previamente fixemos unha búsqueda de información e tamén gravamos os vídeos no noso croma.



Ao final quedounos así




LECTURA E FAMILIAS: TEATRO E MOVEMENTO

 A semana pasada o alumnado de 6º de EI, de 1º, 2º e 3º de Primaria tivemos o pracer de gozar en familia dun obradoiro impartido por María Torres. Este obradoiro versaba sobre o teatro e o movemento, nel fixemos actividades de improvisación, de imitación… todo isto dentro dunha atmósfera lúdica.

Foi unha experiencia xenial! Grazas ás familias que puideron asistir por compartir este anaquiño do seu tempo con nós e por facer escola xuntas!

Para o vindeiro curso máis! 



jueves, 25 de mayo de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN

Como queda pouco para a chegada do verán, deixámosvos as nosas propostas de lectura.

Agardamos que vos gusten!

miércoles, 24 de mayo de 2023

CREAMOS O NOSO XOGO DO 3 EN RAIA

 O noso proxecto documental integrado deste curso tivo un dobre produto final, por unha banda, como xa sabedes, celebramos a II edición do Centifest no que amosamos todo o aprendido neste curso, por outra, o alumnado de 1º e 2º tamén fixemos os nosos propios tres en raia.

Primeiro de todo, cosimos unha bolsiña onde gardaríamos as pezas, despois, modelamos as pezas e pintámolas e por último marcamos na propia bolsiña o taboleiro de xogo.   

Cada neno e cada nena fixo o seu propio tres en raia mais tamén fixemos un a maiores para doar a aula hospitalaria.


viernes, 19 de mayo de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano para conmemorar o "Día das Letras Galegas" e coñecer máis en profundidade a Francisco Fernández del Riego, levamos a cabo diversas actividades:

Por unha banda, realizando as propostas do Seminario Galán, a través de actividades interactivas e facendo lecturas de textos sobre o autor homenaxeado.




E por outra, a través da interpretación por parte de todo o alumnado da canción "A danza do biouteiro e  de bailes tradicionais para conmemorar este día: a "Muiñeira de Lugo" por parte alumnado de educación primaria, e a danza "Indo Eu"os nenos e nenas de educación infantil. 

Paralelamente a isto, e con toda a axuda das crianzas e das familias fixemos estos tres fermosos maios dos que deixamos mostra.









Grazas familias, por acompañarnos neste día tan especial!

miércoles, 10 de mayo de 2023

OS XOGOS MATEMÁTICOS NAS AULAS DE 6º

 Este curso nas aulas de sexto, na materia de matemáticas e semanalmente adicamos un tempo aos xogos de mesa. Este tipo de xogos axudan dunha maneira lúdica ao desenvolvemento das capacidades non só motoras, senón tamén mentais e sensoriais. A concentración, a memoria, a observación tamén son traballados cando xogamos. Unha vez dentro do xogo intentamos resolver problemas, elaboramos estratexias e tomamos decisións para gañar unha partida. Practicamos lectura comprensiva para entender as instrucións dos xogos e cumprimos as normas do xogo para non quedar excluidos. A nivel social aprendemos a forxar vínculos cos demais e a compartir, negociar e resolver conflitos cumprindo sempre coas normas de convivencia.

Algúns dos xogos que descubrimos ou recordamos foron : asteriscos e frechas, timbiriche, pentominós, chinchimoini ou o cinquillo... entre moitos outros!






sábado, 29 de abril de 2023

SEMANA DO LIBRO

No noso cole foron varias as actividades que levamos a cabo para conmemorar este día:

O luns comezamos a sacar libros para o recreo nos "Bibliocarros", un para o patio de infantil e dous para o de primaria, e agasallámoslle un libro a cada neno/a. 


Aproveitamos este día tan especial para facer amadriñamentos/apadriñamentos lectores na hora de ler, distribuindo ao alumnado en grupos verticais polo exterior do cole.






E como novidade deste ano, propuxemos elaborar catro contos compartidos entre todo os nenos e nenas. Comezaron a escribilos en 1º de primaria e remataron os de 6º, que se encargaron tamén de poñerlles título. O alumnado de educación infantil, despois de escoitar as creacións narrativas, ilustraron cos seus fermosos debuxos todas páxinas. E para rematar a actividade, o venres xuntámonos na pista, e o voluntariado de biblioteca encargouse de ler os contos elaborados ao resto do cole.




domingo, 16 de abril de 2023

RECIBIMOS A VISITA DE PERE TOBARUELA

O pasado xoves recibimos a visita de Pere Tobaruela, autor do libro “Mariña e o balón” que limos o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria.



Primeiro, entre todos e todas recordamos o conto facendo un breve resumo e reflexionando sobre algúns aspectos que acontecían nel como a pouca presenza das nenas en xogos como o fútbol.



Despois tivemos un tempo de preguntas e aí pescudamos que Pere ademais de escritor é adestrador de fútbol feminino algo que sen dúbida o levou a escribir este conto. 
Para rematar asinou os nosos libros!



Grazas Pere por este ratiño tan agradable e por facernos rir tanto.



martes, 4 de abril de 2023

OBRADOIRO CREATIVO CON BRAZOLINDA

Temos a sorte de estar inmersos no programa de Biblioteca Creativa que ten como un dos seus obxectivos prioritarios ampliar as linguaxes presentes na biblioteca promovendo a expresión oral, a alfabetización múltible, o razoamento lóxico a aprendizaxe manipulativa e, por suposto o xogo, algo ao que este ano lle estamos a dar moitísima importancia xa que é o eixe do noso PDI.

Por isto aproveitamos os pasados 29 e 31 de marzo levamos a cabo ao longo de toda a mañá diversos obradoiros de xogos de mesa organizados por Brazolinda en colaboración co equipo de biblioteca do centro. 


Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Están deseñados para o xogo conxunto de grandes e pequenos e axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento... a través das adiviñas, as matemáticas ou xogos de agudeza visual, entre outros.

Pasámolo estupendamente! 






jueves, 23 de marzo de 2023

DÍA DA POESÍA: POEMAS DE CORDEL

O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía, fixémolo enchendo Fene de versos que penduramos a modo de prendas de roupa en diferentes tendais que estaban previamente xa colocados na Avenida Tarrio, na Praza do Concello e na Praza Verde.


Para ter todo listo para ese día, nos días anteriores, estivemos lendo diferentes fragmentos de poemas, traballando a rima… e como este ano o noso proxecto de centro está relacionado co xogo cada nivel inventou ou copiou un poema con dita temática.

Xa o propio día 21 ás 9 da mañá dirixímonos aos diferentes lugares para colocalos e que todas as persoas de Fene puideran gozar das nosas creacións ao longo do día.  





jueves, 16 de marzo de 2023

CONTOS DE BOCA "O PAPÓN"

O pasado luns, 13 de marzo, veu á aula de 3º EP Ignacio, o pai de Enzo, contarnos o conto "O Papón".

A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e…  Se queredes saber como remata o conto invitámosvos a lelo, só vos dicimos que non podedes imaxinar o final, adiantámosvos que ás veces a forza non é imprescindible para solventar os problemas.

Grazas Ignacio pola visita, agardamos que poidas volvar outro día, gustounos moito o conto!!!






SEMANA DA PRENSA: A NOTICIA

 A semana pasada foi a Semana da Prensa e desde a aula de 2º aproveitamos para ver modelos de novas e partindo dos mesmos, elaboramos un organizador gráfico que recollera todas as partes que teñen (texto, autora ou autor, titular, fotografía...). -Unha vez feito, non podía ser de outro xeito, tivemos que repasalo con bolígrafos de purpurina-.

É verdade que ao longo deste curso e do pasado empregamos xa en moitas ocasións os organizadores gráficos, sobre todo mapas mentais, para representar aspectos dunha temática determinada polo que realizalo foi relativamente sinxelo.

Para rematar, como non, fixemos a nosa propia nova, sempre tendo en conta todos as aspectos recollidos no noso organizador. Decidimos facela sobre algo que acontecera o día anterior no cole: a celebración do 8M.