Co mes de novembro comezamos este curso cos "Booktrailers", recomendacións lectoras por parte do noso alumnado. Comezamos con Mara de 6º B que nos anima a ler...
lunes, 2 de noviembre de 2020
BIBLIOTECA CREATIVA!
Temos moi boas novas! Este ano fomos seleccionados para participar no programa de innovación da Consellería: Biblioteca Creativa. Isto supón un aumento de recursos para o noso espazo fedelleiro que xa comezamos a construir o ano pasado, en concreto recibimos 4 escornabots.
Que son os escornabots? Pois trátanse duns robots pequenos de software libre que teñen como obxectivo acercar a robótica e a programación aos nenos e nenas.
domingo, 1 de noviembre de 2020
AGASALLO DO DÍA DAS BIBLIOTECAS
AVANZAMOS NA FORMACIÓN ENTRE IGUAIS
Outra tarefa que estivemos a realizar dende comezo de curso foi elaborar uns mini-titoriais do uso do Meiga, moi útiles tanto para as novas incoporacións ao equipo de biblio como para as mestras que xa estabamos, xa que nunca ben mal lembrar aqueles aspectos esenciais.
O titorial contén os seguintes ámbitos básicos:.
- Como catalogar?
- Como imprimir etiquetas de catalogación?
- Como creamos carnés?
- Como imprimimos carnés lectores?
sábado, 31 de octubre de 2020
CONTACONTOS VIRTUAIS
Outra das actividades que comezamos a levar a cabo esta semana tan importante na que celebramos o "Día das bibliotecas escolares" foron os contacontos a través da nosa aula virtual. Esta lectura de contos no momento lector dos xoves será unha tarefa dos "voluntarios lectores" deste ano.
Este xoves pasado foron Lúa e Martina as que nos agasallaron con "Corre, corre, cabaciña!"
Moitas grazas!
CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Para celebrar o Día Das Bibliotecas Escolares puxemos a andar as "Mochilas Viaxeiras" este ano con algún cambio para adaptarnos á nova situación: as mochilas sairán os venres e regresaran ao centro os mércores para poder deixalas 48 horas en corentena e evitar riscos.
Que nada nos impida gozar da lectura!
lunes, 26 de octubre de 2020
CELEBRAMOS O DÍA DAS ESCRITORAS
O pasado 19 de outubro nas aulas de 1º e 2º para celebrar o Día das Escritoras traballamos sobre Gloria Fuertes. Primeiro limos a súa biografía utilizando o conto "Gloria Fuertes Pequeña & Grande" e despois "¿Cómo se dibuja una bruja?" do seu libro Poemas de la Oca Loca. Por último debuxamos unha bruxa tal e como nos mandou o poema.
Aí vos quedan esas fermosas bruxas cos nenos e nenas de fondo recitando o poema.
jueves, 22 de octubre de 2020
XORNAL O PAPAGAIO
Volve o Papagaio!
O novo xornal xa está polo cole e a partir da vindeira semana irá viaxando polas aulas. Cada día só o poderá ler un neno ou nena xa que teremos que deixalo en corentena ata o día seguinte.
Boa lectura!
lunes, 19 de octubre de 2020
COÑECEMOS O NOSO CORPO
Dentro do noso proxecto documental integrado: EMOTICENTI, nas aulas de 1º e 2º estamos a crear un "Atlas do Corpo Humano" no que de seguro non faltarán páxinas adicadas ao benestar emocional!
Para coñecer que era iso do "atlas" recorremos á biblioteca onde puidemos atopar varios exemplares que nos serviron de modelos, vimos que tiñan índice, que estaban organizados por apartados e categorías... e estivemos a coller ideas para elaborar o noso propio.
Polo momento comezamos elaborando a portada así como as primeiras páxinas na que estarán os ósos e os músculos.
A NOSA BOTELLA DA CALMA
Os comezos son difíciles: cambios, medos, angustias, nerviosismo... por iso nas clases de 1º e 2º, estivemos a realizar a nosa "botella da calma" para poder acudir a ela sempre que necesitáramos.
Primeiro vimos as instrucións en vídeo, despois, fixemos as botellas e por último, unha vez feitas, elaboramos o noso propio texto instrutivo onde escribimos ben clariño e paso a paso todo o que fixemos previamente. Estas instrucións serán moi útiles xa que lles servirán aos nenos e nenas de infantil para facer as suas!
COMEZAMOS O NOSO PDI!
Este ano máis que nunca, cobra vital importancia manternos sans e sas e é por iso polo que o tema que decidimos traballar no noso Proxecto Documental Integrado é o benestar físico e emocional.
O primeiro paso foi pensar un título que representara ben as ideas que tiñamos sobre o que nos gustaría afondar, investigar e tratar de experimentar. En cada aula, tras unha votación democrática saiu un título elixido, e con eles realizamos unha pequena enquisa onde os nenos e nenas votaron para elixir o definitivo que foi: EMOTICENTI.
Unha vez elixido o título puxémonos a deseñar unha ilustración acorde con el, ollade algunha desas propostas tan bonitas!
Pronto vos contaremos a sorpresa que temos argallada con estes debuxos!
lunes, 28 de septiembre de 2020
ESTAMOS EN MARCHA!
Ola a todos e a todas!
Aínda que este ano neste primeiro trimestre non poderemos acudir á biblio por ter que utilizar o espazo como comedor, o equipo non para! Dende o comezo de curso estivemos traballando arreo: elaboramos os cuaderniños para utilizar nas mochilas viaxeiras coa máxima seguridade, distribuimos contos, libros e revistas para cada unha das aulas e crear nelas bibliotecas distribuidas e gozar da lectura a pesar do peche, creamos carnés para os novos e novas usuarios e usuarias e elaboramos o noso protocolo para cando a poidamos utilizar.
Aquí o deixamos!
viernes, 25 de septiembre de 2020
EMOTICENTI INFANTIL :FOTOS FAMILIARES E O VALOR EMOCIONAL
Que mellor para sentirse ben ,que ter ben preto a nosa familia aínda que sexa en fotografía? Temos todas as fotos familiares pegadas nun marco na aula e así de chulo quedou como podedes ver. Ter as fotos das familias así á vista, PROPORCIÓNALLES varios beneficios como tranquilidade e seguridade, podendo velas dentro da aula ocupando un espazo especial ,reforzando máis aínda a importancia da súa familia. Ademáis rememoran momentos felices, cóntanche que era o seu aniversario, que era moi pequeña, estou con papi e mami, este é o meu irmá,contribuíndo a fomentar a identidade persoal e reforzando os lazos familiares. E como non, lles axuda se teñen algún momento difícil na xornada escolar, van alí e tocan a súa foto e síntense mellor.
























