martes, 30 de abril de 2024

Obradoiros de creación de teares

 Ao longo de este mes de abril as mestras Ana e Carmen levaron a cabo diferentes obradoiros nos que ensinaron ás nenas e nenos dos diferentes cursos a tecer. Ademais fabricaron uns pequenos teares con cartón para que cada nena e neno constrúa o seu propio pousavasos.







miércoles, 24 de abril de 2024

Día do Libro

O pasado 23 de abril conmemoramos no centro o Día do Libro. Para iso, por unha banda, levamos a cabo o tradicional amadriñamento lector, as e os maiores escollen un conto para as súas afilladas e afillados. O día acompañounos polo que puidemos gozar das lecturas compartidas no noso patio. 


Por outra banda, fixemos unha recollida de alimentos para o banco de Alimentos Rías Altas. A cambio dos alimentos doados, as nenas e nenos podían coller algúns dos libros de expurgo da biblioteca escolar. 

Logramos nada máis nin nada menos que 265 quilos de alimentos! 





martes, 9 de abril de 2024

LECTURA E FAMILIAS: Obradoiro con Pablo Otero

 "Todos temos unha historia que nos encanta contar unha e outra vez.

O meu avó, a vosa nai ou aquel curmán da tía segunda do papá que se perdera no Brasil.

Son historias e anécdotas que naceron na vosa familia,

que sempre se contan cando estades xuntos e que hai que coidar coma tesouros". 

A tarde do pasado 2 de abril tivemos na biblioteca un obradoiro impartido por Pablo Otero. Nel familias e alumnado elaboraron os seus libros de familia. Deixaron voar a súa creatividade e partindo dalgunha anécdota, chiste ou relato comezaron a traballar. Para iso, utilizaron material de refugallo e con paciencia e agarimo fixeron as obras de arte que vos deixamos a continuación. 


                                        Grazas Pablo, foi unha tarde fermosa. 

miércoles, 3 de abril de 2024

Visita dunha imprenta ambulante

O pasado mes de marzo o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º recibiu unha visita moi especial: Alouette Machine. Unha imprenta ambulante. 

Cris e Jean-Ba viaxan nunha furgoneta cos caixóns cheos de letras de chumbo e de madeira e iso foi o que nos ensinaron neste pequeno obradoiro. Contáronnos como se facían os libros antigamente e o laborioso que era xa que había que colocar cada letra dun xeito moi minucioso. Ademais disto as nenas e nenos puideron facer pequenas prácticas estampando os poemas que previamente elas e elas idearon coa temática do noso PDI: pegadas verdes.